PRESENTACIÓN

MITEU
MOSTRA INTERNACIONAL DE TEATRO UNIVERSITARIO DE OURENSE

QUE É A MITEU?

A Aula de Teatro Universitaria de Ourense de  organiza en 1994 a I Mostra de Teatro Galego Universitario de Ourense, que pasará en 1996 a constituírse na I MITEU (Mostra Ibérica / Internacional de Teatro Universitario).
Esta Mostra pretende potenciar o intercambio artístico e humano entre grupos galegos e grupos da Península Ibérica ou de fóra dela. Ao remate das funcións establécese un coloquio sobre a obra e sobre os procesos de ensaios e as distintas xestións dos grupos universitarios. Este coloquio, cos anos e co incremento das representacións transfórmase nun punto de encontro ao remate das funcións onde coincidan compañías e espectadores.
Co paso dos anos e as edicións, a MITEU vai transformándose nun conglomerado cultural cun núcleo de teatro universitario pero cun incremento considerable na programación de teatro profesional unido a concertos, exposicións, conferencias, encontros, cursos, animacións… Rúa, Auditorio, Teatro Principal, Campus, locais, reciben á MITEU. Música, danza, circo, maxia, cine … encontran cabida na Mostra que se achega ás 30 actividades programadas en cada edición.
As datas de celebración habituais son na segunda quincena do mes de abril, variando segundo as vacacións de Semana Santa. O seu ámbito fundamental de acción é a Península Ibérica, pero teñen asistido grupos dos cinco continentes e en cada edición aumentan os grupos invitados doutros lugares.
MITEU son as siglas de Mostra Internacional de Teatro Universitario de Ourense. O feito de manter «TEU» contén unha referencia ao movemento de teatro universitario que se presentou cunha forza fundamental para o teatro e a cultura deste Estado na década dos 70. Así mesmo, xa que o ámbito primeiro de programación universitaria é a Península Ibérica o «I» tamén serve para designar iso, Ibérica, ao igual que cando se trata de Mostra Iberoamericana. O nome mantense cos anos a pesar dos cambios no tipo de programación.


POR QUE SE FAI?
No ano 1994 enténdese como necesidade dos alumnos-artistas o feito de presentar os seus traballos interpretativos en máis campus que o propio. Hai que ter en conta que desde o ano 90 funciona a Aula de Teatro de Santiago e que hai movemento teatral universitario (mediante un Clube da Universidade) na Coruña. Únese tamén Lugo. O teatro Universitario de Galicia ten posibilidade de crear un circuíto. Ese é o ano de nacemento da I Mostra Galega de Teatro Universitario de Ourense, organizada e creada, como tantas cousas, por Ánxeles Cuña. En 1996 hai un incremento de alumnado considerable nas Aulas, os directores perfilan modelos de Mostra de grande interese e con resposta de público, e a Universidade entende que está diante dun escaparate cultural de gran futuro con implicación nas distintas cidades. Nace o proxecto MITEU, parello ás Mostras de Vigo, Pontevedra, Lugo, Santiago e Coruña. Cada unha coa súa marca e a súa pegada.

PARA QUE?
A Mostra de Teatro é a culminación da actividade da Aula de Teatro Universitaria e un factor dunha intervención social e cultural de grande importancia na cidade de Ourense. Por iso, e nun marco universitario que está ofrecendo unha panorámica internacional dos autores, directores e intérpretes do século XXI, o debate, a formulación de interrogantes e respostas, a explicación de maneiras de enfrontar os traballos, a clarificación de contextos sociais (especialmente nos grupos de fóra da Península e cunha ollada especial a aqueles países en conflito) serven para os artistas-estudantes, para os profesionais e para os espectadores. Hai que ter en conta que estamos a ver, en moitos casos, os intérpretes e directores que rexerán o teatro dos vindeiros anos. Trátase, en definitiva, de potenciar o intercambio artístico e humano entre actores universitarios e profesionais galegos, da Península Ibérica e de fóra dela. E, a carón disto, nun tempo concentrado entre a inauguración e a clausura, achegar historias e xeitos de contalas diversos a Ourense e á súa Universidade. Que os cidadáns viaxen por este o noso mundo co billete que inclúe a entrada e coa equipaxe do seu maxín.