BENVIDA
24ª MITEU

PAPEIS

Os papeis que se escriben para o teatro serven para vivir outras vidas, para aprender doutras situacións, para emocionarse con outros conflitos, para namorar, para sufrir, para odiar e para divertirse nunha ficción que axuda a ver realidades.

 

Hai outros papeis.

 

Os papeis de cores que serven para mercar cousas. O mundo xira ao redor deses papeis, porque os que mandan así o queren.

 

Hai uns papeis que serven tamén para que as persoas poidan ter dereitos ou ben que sexan consideradas ilegais se non os teñen, porque os que mandan así o queren.

 

Hai outros. Os que se piden para poder realizar unha actuación, por exemplo: estar dado de alta na Seguridade Social, estar ao día con Facenda, estar ao día con Hacienda, ter en orde o relacionado con riscos laborais, ter a titánica documentación da empresa ou asociación en regra e ao día, notificar calquera cuestión relacionada con calquera cambio, ter a conta do banco certificada polo propio banco (non vaia ser que se fugue baixo o colchón ou sobre a viga algo e que eles non o controlen)... pero eses papeis son así porque así o queren os que mandan.

 

Hai papeis que tes que presentar de un día para outro, unha morea deles, porque o manda a administración. Hai outros papeis que tardan moitísimo en darchos, ás veces meses, ou anos, porque ten que dálos a administración.

 

Hai papeis polos que queiman os nosos montes e papeis polos que se arde.

Hai máis papeis, os que serven para escribir frases que son quen de cambiar o noso día ou de quedar cravadas en nós anos, mesmo de reflectirse no noso epitafio. Son outros papeis. Eses non os fan os que mandan.

 

Hai papeis que serven para limpar o cú. Non sei se os fan ou non os que mandan.

Cada quen xogamos un papel, cada quen temos ou non temos outros papeis, e iso marca as nosas vidas. Marca tamén as nosas mortes.

 

Aquí tedes unha mostra de teatro con moitos papeis, papeis de persoas que sofren, que xogan, que aman, que gozan, que odian, que aprenden, que morren, que cantan, que teñen medo, que viven. Coma ti. Coma min.

 

Benvida e benvido a unha nova Miteu.


 

Fernando Dacosta
Director da MITEU

Abril de 2019