benvida
18ª MITEU

Shakespeare e Neruda


"Palabras, palabras, palabras" dicía Hamlet como resposta a unha pregunta de Poloño, do político sen fisuras ao servizo do poder, do político que mesmo xustificaba o asasinato na corte para que se perpetuase ese poder.

Vivimos entre as palabras, facemos palabra o pensamento ou pensamento coa palabra, envólvennos, e debemos saber discernir no bosque de palabras onde está o perigo e onde está o fermoso.

Asistimos nos últimos tempos a unha desviación insana das palabras, quizais a unha prostitución das palabras se entendemos que se utilizan a cambio de diñeiro, o poderoso señor que todo o domina.

Vivimos en tempos onde a palabra corralito, agradable e suave, designa o roubo dos cartos ao pobo. Externalización utilízase para a privatización salvaxe daquilo que custou tanto tempo, esforzo e loita conseguir, como a sanidade pública, por exemplo, ou a educación, ou a xustiza. Chámase rescate ao apresamento infame dos pobos. Constitutición é sinónimo de inmobilismo. Democracia é perpetuación no poder dos de sempre. Terrorismo serve agora para referirse a reivindicacións necesarias; deber (da policía, por exemplo) ponse enriba da mesa para non dicir ostiar (aos manifestantes por exemplo); Mentira é verdade e verdade é mentira. Reforma laboral serve para despido libre; brotes verdes dise no canto de algúns estanse forrando e forraranse máis; preferentes utilízase por non dicir timo; bilingüismo remítenos a inglés mal falado xunto a español mal falado (non ao galego, "idiolecto" infame para certas persoas que rexen a educación). Cando se fala de interese nacional debe lerse o interese dos poderosos; festa nacional como tortura a animais; beneficio bancario como diñeiro que nos arrebatan; cidade da cultura como cemiterio da cultura; peaxe como sistema feudal de cobro de camiños,... Cando din Deus queren dicir Eu (por eles).

Fronte a esas palabras de Hamlet están as de Neruda, as que queremos rescatar para esta MITEU "Son as palabras as que cantan, as que soben e baixan... ámoas, adhíroas, persígoas, mórdoas, derrítoas... Amo tanto as palabras... Son tan fermosas que quero poñelas todas no meu poema..."

E velaquí o noso poema para vós, a ver se vos gusta, se vos fai sentir, soñar, a ver se vos move e vos conmove: TEATRO.

Teatro de Brasil, de Ecuador, de Arxentina, de EEUU, de Túnez, de Italia, de Portugal (Covilhâ, Lisboa, Coimbra, Aveiro), de España (Madrid,Castela-León, Navarra, Cataluña), de Galicia.

A palabra de Vidal Bolaño en catro das montaxes (Cordelia, Lugo, Vigo, A Coruña), Medea (Madrid) e Antígonas (Lisboa) a carón de autores contemporáneos como Rodrigo García (Compostela), Alfredo Sanzol (Pamplona) ou a dramaturxia de Juan Luis Sáez (Burgos), palabras comprometidas co seu entorno, co seu mundo xunto ao humor tan necesario como é o de Yllana, Acontrabutaca, Jango Edwards ou os Irmáns Lumieira que queren afastarnos do suicidio colectivo, aínda que Maricastaña o plantexa con encanto.

A diva que presenta Alba Sarraute cos seus músicos, como a música de Best life, Ménage à trois e Budiño. Compañías galegas da traxectoria de Ningures ou Teatro de Adro ao lado de creacións recentes coma Pinchacarneiro, a maxia con Moroco, a danza interuniversitaria, o curso de Okamoto, a exposición sobre Túnez, a charla dese grupo no Vento do sul, o teatro infantil de Geppetto, o documental "Positive generation", o teatro de rúa (Rosaura, Túnez, Lisboa, Lugo) que quere animarvos a entrar no Auditorio, no Principal, no campus, no Auriense...

Esas son as nosas palabras que desexamos que escoitedes e que vos sirvan, que queirades escoitalas, porque sen vós só serían "palabras, palabras, palabras".

Adiante coa 18ª MITEU.

Fernando Dacosta
Director da MITEU